Cineuropa 37 xa está aquí
Cineuropa é un festival de cine que se celebra ano tras ano en Santiago de Compostela. Tanto é así, que xa se trata da súa edición número 37. O seu principal obxectivo cando crearon esta iniciativa era colocar o cine no lugar privilexiado que se merece, aínda que co transcurso dos anos uniuse a este discurso a necesidade de consumir cine de maneira presencial, para que non se perda o costume debido a motivos coma a aparición de novas plataformas dixitais.
Cineuropa é tamén unha porta que se abre anualmente para invitarche a descubir novos artistas que traballan para posicionarse no mundo do cinema, artistas de aquí e de alá, máis coñecidos e totalmente descoñecidos (aínda). Para non deixar na sombra a ningunha das persoas que traballan para poder darlle sentido a todas as historias que nós vemos a través das nosas pantallas.
Por iso Cineuropa proponche unha selección de filmes galegos, europeos e internacionais, ademais de charlas con traballadores da industria e actos culturais diversos, redondeando así a experiencia.
Cineuropa tamén é un intercambio, mediante o cal ti das e recibes. A través da proxección de cada un dos filmes, situaríaste nun contexto, época ou lugar que entenderás dende a túa perspectiva cultural, pero que pretende abrirche os ollos a diferentes posibilidades para que reflexiones sobre outras realidades. O intercambio tamén se ve reflexado na oportunidade de compartir a experiencia con outras persoas, saíndo da zona de confort das plataformas de streaming.
O panorama audiovisual actual é moi rico e diverso, no que é fácil apreciar detalles que transcenden do guión ou os actores protagonistas. Podemos identificar a un director pola gama de cores, a unha deseñadora de vestiario e valoramos a iluminación e o son dunha escena.
Esta edición do festival reivindica a comedia, así como a capacidade do cine de transportarmos a un mundo diferente máis louco. Isto reflíctese no slogan elixido para este ano, que a cualifica coma unha edición "tola, tola, tola...". Para que todo isto sexa posible, contan co apoio dos espectadores, que ademais de gozar dos eventos, tamén participan na valoración das 115 películas propostas pola organización. Aínda que tamén reciben a avaliación dun xurado profesional acompañado dun xurado novel.
O festival celébrase entre os días 9 e 25 de novembro na cidade de Santiago de Compostela,e os centros neurálxicos onde se van a desenvolver as actividades e as proxeccións serán: o Auditorio de Galicia, o Teatro Principal, o Salón teatro, a sala Multicines Compostela, Cinema Numax e o CGAC.
Para saber máis sobre os filmes participantes ou o horario de proxección dos mesmos, accede á páxina web de Cineuropa (cineuropa.gal) ou podes seguilos a través de Instagram (@cineuropa.gal)