21 ANOS DE PITCHFORK

Onde, cando, como acabas celebrando os 21 anos de Pitchork? Pois por casualidade e por curiosidade e en NY. Si, a curiosidade, esa que din que matou ao gato, pero ninguén dixo nin como, nin cando, nin canto viviu antes da morte. 

A nós sempre nos dixeron que a curiosidade matou ao gato pero aínda ninguén nos explicou que tipo de morte foi esa e o que é máis importante, cantas vivencias tivo ese gato antes de morrer. Decidimos buscar a esa tal curiosidade para preguntarlle. E no noso camiño, a casualidade levounos a asistir a unha charla de Björk e aí, no medio dun conversa desas nas que falas de todo e non falas de nada pero arranxas o mundo, invitáronos ao aniversario da publicación americana. Así, rapidiño diremos que foi unha experiencia dispersa, a charla, e a conversa por suposto tamén. Björk é así como unha rapaza grande á que a curiosidade levouna a explorar os límites musicais e cada vez que fala namora. Se queredes saber máis explicámolo neste post.

Pois así, aceptamos o convite e sen pensalo moito, pasamos dun martes calquera a un sábado celebrando os 21 anos desta famosa publicación á que dende aquí lle queremos agradecer moito a invitación. Pasamos unha gran noite e non nos puideron tratar mellor.

Para aqueles que non saibades que é Pitchorkf, resumirémosvos que é unha publicación online que naceu no 95 de mans de Ryan Schreiber en Minneapolis e o seu primeiro nome foi Turntable pero un ano máis tarde e xa en Chicago adoptou o nome de Pitchfork. Esta publicación é considerada un dos referentes e medios máis influentes da música independente. Tanto é así que fálase de que o éxito de artistas como Arcade Fire ou Bon Iver que agora son mainstream deben parte do seu éxito gracias aos artigos feitos por Pitchork, pero do poder dos medios de comunicación xa falaremos outro día que nos dá para moito ;).

A festa foi no Knockdown Center, en Queens NY. Este espazo, que anteriormente fora un fábrica de portas, agora está adicado a proxectos multidisciplinares relacionados coa innovación, programación experimental, artes visuais, performance e música. Como moitas outras cidades, Nova York, rehabilita vellos edificios en zonas deprimidas e programa eventos para tentar dinamizar a zona atraendo xente a estes barrios.

Ademais de descubrir unha expo na que se repasaban as portadas dos discos do anos segundo a revista, tamén asistimos a outra na que en colaboración con Asics se analizaban os discos que tiveron unha gran influencia social nos últimos 21 anos.

Bandas como Vampire Weekend, Radiohead, Arcade Fire ou Bon Iver, son algúns dos artistas alí mencionados. A noite dounos para conversas, cervexas e moita música. O cartel da noite era Animal Collective, Alex G, Mosses Summey, e Topaz Jones. E por suposto, todo o mundo esperaba ansioso ao dúo de Baltimore que non defraudou pero nesa espera, polo menos nós e os que nos rodeaban quedamos abraiados con Mosses Summey, un rapaz orixinal de San Bernardino que ten unha sensibilidade incrible e é quen de xerar unha atmosfera sonora como poucos. Acaba de lanzar o seu álbum debut, pero temos a sensación que será o primeiro de moitos. Recomendámosvos que o escoitedes.

https://www.youtube.com/watch?time_continue=71&v=fS63c-C-Rc4

E ata aquí un aniversario curioso, por casualidade e que esperamos poidamos celebrar de novo o ano que vén. Parabéns Pitchfork!