DOUS FOTÓGRAFOS A DESCUBRIR NO OUTONO EN COMPOSTELA

Para algúns é material para os recordos, para outros é algo que só poden ver gracias a un exercicio da imaxinación, pero existir existía un Santiago no que había salchicherías que colgaban os seus embutidos ao aire para que puidesen ser vistos e tocados por calquera, no que as leiteiras viñan das aldeas próximas cargando sobre a cabeza grandes latas cheas de leite fresco e nos que as lampreas chegaban en cestos que eran vendidos en plena rúa. Existir tamén existía unha Coruña na que un podía tropezar cunhas cantas ovellas e o seu pastor ao pé da Torre de Hércules. Son imaxes dunha Galicia esquecida que agora poden ser vistas e recuperadas por calquera con interese en se adentrar nesas imaxes do pasado.

Foto Manu Suárez

Todas esas fotos que capturan para sempre unha Compostela perdida son a obra de Ramón Sánchez Estalote, un fotógrafo ambulante que fotografou para o futuro o Santiago dos anos 40 e 50 e que deixou tras de si unha obra fascinante e descoñecida que agora está sendo recuperada polos expertos. Estalote é o protagonista dunha exposición na Casa do Cabido, que estará aberta ata o próximo mes de novembro e que é unha desas paradas ata as que un ten que deixar que os zapatos lle leven. A historia desde fotógrafo é fascinante, non só porque conseguiu crear unha memoria gráfica dun pasado que xa non existe senón tamén porque a súa carreira non é a habitual daqueles fotógrafos que acaban nas salas de exposición.

Foto Facebook Consorcio de Santiago

Estalote era un deses retratistas que ían polas rúas, fotografando a quen fora necesario retratar e obrigando a fuxir dos clichés. Ao fotógrafo non lle gustaban nin as poses de sempre nin os fondos de imaxe habituais, o que o empuxou a crear imaxes diferentes. As súas fotos de recunchos y lugares de Compostela foron tamén desas fotos que acaban por se converter en postais e que circulan de caixa de correo en caixa de correo sen que ninguén saiba quen está exactamente detrás delas. Aínda que Estalote traballou moitos anos e seguiu facendo fotos ata ben cumpridos os 90, as súas imaxes non foron recuperadas ata despois da súa morte.

Foto Manu Suárez

Este fotógrafo non é a única historia sorprendente para ver e descubrir que este outono acolle Compostela. Un paseo pola cidade e polas súas salas de exposición á procura dos tesouros fotográficos do pasado ten que levar tamén ata o CGAC, onde outra exposición está a recuperar a obra doutro fotógrafo esquecido.

Nesta ocasión, o artista é Arissa, un non menos fascinante autor, neste caso barcelonés, de principios do século XX. Arissa era un tipógrafo, que herdou aos 20 anos o negocio familiar. Os seus intereses tiraban cara a arte e así foi como empezou a tomar fotografías. Primeiro seguiu a moda imperante de facer fotos que recordaran a cadros e despois lanzouse a experimentar coas vangardas. En lugar de captar instantáneas dos momentos cos que se cruzaba, como facía Estalote, el creaba imaxes que suxerían e invitaban a imaxinar.

Arissa non traballou ata os 90 anos como Estalote e deixou de facer fotos cando aínda era novo. A Guerra Civil acabou coas vangardas en España e, de paso, coa súa carreira. As súas fotos foron gardadas e esquecidas e non foron redescubertas ata a súa morte.