HAI VIDA MIS AL DE COMPOSTELA (E DA CORUÑA, E DE VIGO...)

Unha das cousas que un tende a pensar é que as cousas interesantes, por aquelo da demografía, tenden a estar nas cidades. O certo, sen embargo, é que un non debe limitar os seus pasos en busca de inspiración ou de experiencias diferentes ás urbes, xa que cada vez hai máis emprendedores decididos a crear cousas fascinantes en máis e máis lugares diferentes. As oportunidades para sorprenderse e desfrutar con lugares con encanto son cada vez maiores e están máis repartidas por toda Galicia.

Un non debe deixar de limitar a súa procura de lugares cool a Santiago, Vigo ou Coruña. Hai vida máis alá destas cidades e haina ademais ben interesante, como demostran estes espazos seleccionados entre unha axenda cada vez máis completa e variada.  Só hai que escoller os zapatos máis adecuados para a viaxe e emprender camiño.

Benboa, Corrubedo

Ir ás dunas de Corrubedo era un clásico das excursións escolares que un tivo que pasar como unha sorte de rito de crecemento. Chegada a idade adulta, hai máis razóns para visitar a zona que van máis alá das súas famosas dunas e do parque natural. No centro do pobo está Benboa, que é unha antiga salgadura, unha daquelas fábricas que tan importantes foron na Galicia de hai uns séculos, reconvertida hoxe en espazo gourmet. Cetaria, tenda gourmet e restaurante conviven no mesmo espazo.

La Casa Taller, A Garda

Pode a casa dun artista ser ao mesmo tempo espazo de exposición e taller En Europa non son nada inusuais, pero non hai que ir tan lonxe para atopar un lugar coma ese. No sur da Provincia de Pontevedra. Na Garda, en pleno paseo marítimo, dous artistas fusionaron nun único lugar a súa residencia, o seu espazo de exposicións e a zona de traballo. La Casa Taller ten ademais un programa de actividades, como cursos.

O Loxe Mareiro, Carril

Forma parte da familia do Abastos 2.0, que é unha das paradas habituais dos gourmets en Santiago de Compostela, e é un deses restaurantes que habitualmente aparecen nas listas de espazos para foodies na comunidade. Ocupa unha vella fábrica de aparellos mariñeiros e está en Carril, xusto ao carón de Vilagarcía.

Hotel Mi Norte, Ribadeo

Agora que o staycation está de moda, o de ir pasar uns días a un hotel non moi lonxe da propia casa, é o momento para facer provisión de hoteis con certo encanto preto de onde un vive. Os hoteis singulares non están limitados ás cidades e ás súas cadeas de hoteis boutique. O Hotel mi Norte está as aforas de Ribadeo e ocupa unha vella casona con certa historia. Un dos salóns foi, nos anos 40, unha escola. A pesar da historia do lugar, o hotel tirou por outra vía para atopar a temática que o fai diferente, cada habitación está asociada a unha película distinta.