UN PORCO ASALTA OS CEOS
O ano 1976 será lembrado no mundo da aeronáutica polo primeiro voo supersónico do Concorde, pola primeira aterraxe en Marte da nave Viking 1 dos Estados Unidos, e por un porco chamado Algie que sobrevoou Londres de leste a oeste perseguido por un helicóptero policial. Unhas 52 millas de viaxe, desde Battersea Park Power Station aos campos de Kent, provocando o peche parcial do espazo aéreo en Heathrow Airport e o monumental enfado dun gandeiro ao ver como un porco inflable do tamaño dun autobús dáballe un susto de morte ás súas vacas ao “aterrar” na súa pradería…
Sempre que teño entre as miñas mans o disco Animals de Pink Floyd detéñome un intre para admirar a icónica foto da portada tomada por Aubrey Powell aquel 2 de Decembro de 1976 co porco Algie suspendido entre dous das chemineas do Power Station, xusto antes de soltarse do cable que o suxeitaba e escaparse naquel voo accidental. Ese inflable xigante ideado por Roger Waters para a portada dun disco que reúne cancións sobre temas como o capitalismo e os diferente estratos sociais nos países industrializados. Un disco claramente influenciado pola novela Rebelión na Granxa de George Orwell.
Poño o vinilo sobre o prato xirartorio do tocadiscos, achego a agulla e a primeira pista Pigs on the Wing comeza a soar. Hoxe é luns, e o cocktail bar á primeira hora da tarde está sempre case baleiro, especialmente a comezos de semana, por iso os camareiros permítenme tomarme a liberdade de elixir banda sonora para todos. Unha das pequenas vantaxes de ser un habitual.
Michelle sérveme o meu cocktail, o meu restless de tequila: Sabías que Pink Floyd son xunto aos Beatles e Led Zeppelin as bandas de rock que máis venderon na historia? – apostila–.
Sei que o que di é certo. Fai tan só uns días que visitei a última exposición do Museo Vitoria and Albert de Londres, bautizada como “ Pink Floyd - Their Mortal Remains” e que abrirá ata o 1 de Outubro de 2017. Unha exposición na que o museo non se quedou curto en ambición, do mesmo xeito que nunca o fixo a banda inglesa que durante décadas vendeu máis de trescentos millóns de discos, e que a día de hoxe segue vendendo máis de 7.000 copias do seu disco The Dark Side of The Moon cada semana.
Desde o primeiro instante a exposición homenaxea ese mundo psicodélico que lles diferenciou do resto dos músicos da época. O visitante entra a primeira sala a través dunha recreación xigante da furgoneta Bedford negra que Pink Floyd utilizaban para transportar o material nos seus primeiros concertos, e como Alicia a través do tobo, entras no Londres subterráneo de finais dos sesenta, onde Pink Floyd aspiraban ao título de reis da psicodelia descargando composicións de vinte minutos como banda residente na lendaria sala de concertos UFO.
A iluminación nas salas de exposición é baixa, e a música cambia nos teus auriculares a medida que te moves polas diferentes áreas de visualización. A historia está contada con cartas, debuxos, carteis, imaxes de vídeo, recortes de xornais, instrumentos musicais, e obxectos estraños, algúns deles réplicas. Sala a sala vas atopando de todo, desde os debuxos técnicos da estación de tren de Cambridge do 1962 dun novísimo Roger Waters, que por aquela época era estudante de arquitectura, ata o proxector usado polo técnico de iluminación da banda Peter Wynne Wilson na sala de concertos UFO (o cal ao parecer, ás veces usaba condóns estirados queimándose dentro do proxector para crear efectos de cor).
A cantidade de detalles pode resultar algo abafadora xa que a exposición usa todo o espazo en cada sala, desde o chan ata os teitos ateigados con obxectos. Desde bólas xiratorias de espellos con pétalos de flores, ata as réplicas dos avións de cartón pedra utilizados para estourar nos seus concertos, ou mesmo a bicicleta de cor vermella que inspirou a canción Bike composta por Syd Barrett para o álbum The Piper at the Gates of Down de 1967, que se gravou nos estudos de Abbey Road, xusto na habitación á beira e ao mesmo tempo que os Beatles estaban a gravar o Sgt. Pepper’ s Lonely Hearts Club Band.
Hai explicacións sobre os procesos de escritura e gravación dalgunhas das súas cancións máis memorables, así como imaxes de vídeo que describen como se fixeron varias das súas portadas de álbum, a máis destacable a de Wish You Were Here, na que o especialista de cinema Ronnie Rondell tivo que ser incendiado 15 veces nos estudos de Warner Bros de Hollywood para poder tomar a icónica instantanea coa luz perfecta.
Eventualmente chegas a unha enorme sala que contén varios inflables xigantes, como o do maléfico profesor utilizado para a xira The Wall, o do porco Algie, e ata unha réplica da central de Battersea Park.
As cabezas de metal de División Bell ocupan outra sala, onde se expoñen estatísticas sobre a xira posterior a este disco (parece ser que se necesitaban tres días para montar o escenario da etapa División Bell).
A exposición tamén ofrece unha visión da psicoloxía detrás do proceso creativo da banda. Audrey Powell, encargado do deseño da exposición, explica ao personaxe do infame "mestre" retratado no disco The Wall mostrando a vara de castigo real usada para golpear a Roger Waters durante os seus anos de colexio. "Regresamos á vella escola de Roger en Cambridge e atopamos o libro orixinal e a vara que se usaba para castigar e pegar a Roger", di Powell. Ese tipo de vínculos entre algo que sucedeu cando Roger estaba na escola e a creación do disco The Wall son realmente importantes. Pasas de ver o profesor inflable, que é de 25 pés de alto, a ver o bastón orixinal con que lle golpeaban e todo encaixa. Aos poucos vaste decatando de como moitas das ideas e conceptos en Pink Floyd foron concibidos ao longo dos anos.
A exposición conclúe nunha sala cadrada con pantallas de vídeo nas catro paredes onde se pode ver o Live 8 de 2005 , un concerto no que Roger waters, David Gilmour, Nick Mason, e Rick Wright reuníronse para tocar xuntos por primeira e última vez despois de vez de máis de 20 anos de separación. A actuación foi remezclada nos estudos de Abbey Road para esta exposición, e preséntase en 3D usando 18 altofalantes de monitor e sete subwoofers. O resultado é unha intensa sobrecarga sensorial, así como unha das únicas veces durante a exposición en que se chega a ver as caras dos músicos de preto.
https://www.youtube.com/watch?v=ljaU7YcrKAU
Claramente esta exposición é tanto unha celebración da tecnoloxía, e da evolución sonora e visual, como o é da banda. Todo iso, sumado á luz tenue e á audioguía que salta automaticamente segundo achégase un a cada peza, converte moi apropiadamente a experiencia en algo parecido a un desas viaxes psicodélicos que alimentaron a imaxinación dun grupo irrepetible.
O cocktail bar empeza xa a encherse, así que apuro o meu restless de tequila mentres soa a última pista do disco Animals. Estiven botando un ollo entre os vinilos e atopei o álbum Presence de Led Zeppelin, que casualmente é do mesmo ano en que foi tomada a foto para a portada do Animals dos Floyd. Separo o brazo do vinilo e devólvoo ao seu cartafol de volta co porco Algie. Polo que se ve o ano 1976 realmente foi un gran ano para o mundo do aeronáutica –penso– , á fin e ao cabo os cepelíns tamén voan.
GuardarGuardar